Saltar navegación

Declaración Universal dos Dereitos Humanos (DUDH)

10 de decembro de 1948

Aulas Galegas. Dereitos Humanos

A Declaración Universal dos Dereitos Humanos (DUDH) é un documento internacional adoptado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas que consagra os dereitos e liberdades básicas de todos os seres humanos. Foi elaborado por un comité da ONU presidido por Eleanor Roosevelt e aceptado pola Asemblea Xeral como Resolución 217 o 10 de decembro de 1948 en París. Dos 58 membros das Nacións Unidas naquel momento, 48 votaron a favor, ningún en contra, oito abstivéronse e dous non votaron.

O texto consta de 30 artigos nos que se detallan os "dereitos básicos e liberdades fundamentais" da persoa e afírmase o seu carácter universal como inherentes, inalienables e aplicables a todos os seres humanos. Adoptada como "ideal común polo que todos os pobos e nacións deben esforzarse", a DUDH compromete ás nacións para recoñecer que todos os seres humanos "nacen libres e iguais en dignidade e dereitos" con independencia "da súa nacionalidade, lugar de residencia, sexo, orixe nacional ou étnica, cor, relixión, lingua ou calquera outra condición social". O canadense John Peters Humphrey foi o redactor principal, asistido pola estadounidense Eleanor Roosevelt, o francés René Cassin e o chinés P. C. Chang, entre outros.

A declaración considérase un "documento histórico" pola súa "linguaxe universalista", que non fai referencia a ningunha cultura, sistema político ou relixión en particular. Inspirou directamente o desenvolvemento do dereito internacional dos dereitos humanos e foi o primeiro paso na formulación da Carta Internacional dos Dereitos Humanos, que se completou en 1966 e entrou en vigor en 1976. Aínda que non é xuridicamente vinculante, o contido da DUDH elaborouse e incorporouse en tratados internacionais posteriores, instrumentos de dereitos humanos rexionais e constitucionais e en códigos xurídicos nacionais. Aínda que existe un amplo consenso en que a declaración en si non é vinculante e non forma parte do dereito internacional consuetudinario, tamén existe consenso en que moitas das súas disposicións son vinculantes e pasaron a formar parte do dereito internacional consuetudinario. A súa importancia queda patente en parte polas súas 530 traducións, o maior número de todos os documentos da historia.

Aínda que a orixe do parlamentarismo remóntase ao rei de Galicia e León, Afonso IX, quen compartiu o poder cun parlamento (Cortes de León, 1188) formado por nobres sentados arredor dunha mesa, en torno ao rei, e organizados segundo a súa influencia, riqueza e proximidade ao monarca; sitúase o seu berce en Inglaterra, na Carta Magna, que en 1215 asinou Xoán sen Terra. Segundo esta, o rei debía renunciar a certos dereitos e respectar determinados procedementos legais, recoñecendo que a vontade do rei estaría suxeita á lei. Aínda que o contido da carta en boa parte está destinada a protexer os dereitos dos nobres e deixa fóra aos servos, tamén contén disposicións como:

"Ningún home libre poderá ser detido ou preso, ou ser privado da súa liberdade, ou dereitos, ou costumes, ou ser declarado proscrito, ou exiliado ou danado de calquera xeito; e Nós non pasaremos por enriba del nin o condenaremos, excepto que sexa legalmente xulgado polos seus iguais, ou pola Lei do País. Nós non venderemos a ningún home e non negaremos ou atrasaremos a ningún home a Xustiza ou o Dereito".

Outro antecedente histórico atopámolo na Escola de Salamanca (Francisco de Vitoria, Antonio de Montesinos e Bartolomé de las Casas), onde xa se fala de que todos os seres humanos teñen uns dereitos inherentes independentes da súa condición, nacionalidade ou circunstancias persoais. Estes autores, partindo dunha visión teolóxica cristiá e ante a situación que vivían os indíxenas americanos, oprimidos e incluso exterminados polos conquistadores españois, lembran que son persoas, fillos de Deus, e reclaman -con moi pouco éxito- que sexa respectada a súa dignidade. En 1510, frei Antonio de Montesinos pronuncia un famoso sermón, recollido por frei Bartolomé de las Casas, que pode axudar a entender a postura dos mestres da Escola de Salamanca:

"(...) Decid, con qué derecho y con qué justicia tenéis en tan cruel y horrible servidumbre a estos indios?, ¿con qué autoridad habéis hecho tan detestables guerras a estas gentes que estaban en sus tierras mansas y pacificas, con muerte y estragos nunca oídos?, ¿cómo los tenéis tan opresos y fatigados, sin darles de comer ni curarlos en sus enfermedades, que de los excesivos trabajos que les dáis incurren y se os mueren, y por mejor decir, los matáis, por sacar y adquirir oro cada día?, ¿y qué cuidado tenéis de quien los adoctrine y conozcan a su Dios y criador, sean bautizados, oigan misa, guarden las fiestas y domingos?, ¿estos no son hombres?, ¿no tienen ánimas racionales?, ¿no sois obligados a amarlos como a vosotros mismos?, ¿esto no entendéis?, ¿esto no sentís? (...)".

A Declaración de Independencia dos Estados Unidos de América é un texto aprobado polo Congreso Continental dos Estados Unidos de América o 4 de xullo de 1776 no que se anuncia que as trece colonias que se atopaban naquel momento en guerra con Gran Bretaña pasaban a constituírse en estados independentes e deixaban, polo tanto, de formar parte do imperio británico. O preámbulo, contén os principios esenciais da Declaración. Constitúe ao mesmo tempo unha proclamación do que se coñece como “dereito á revolución”, que, en esencia, vén a dicir que cando un goberno viola certos dereitos fundamentais das persoas, estas teñen o dereito de “reformar ou abolir” ese goberno:

"Sostemos por evidentes estas verdades: que todos os seres humanos son creados iguais; que son dotados polo seu creador de certos dereitos inalienables, entre os que se atopan a vida, a liberdade e a procura da felicidade; que para garantir estes dereitos se institúen os gobernos, que derivan os seus poderes lexítimos do consentimento dos gobernados; que cando unha forma de goberno se volve destrutora destes principios, o pobo ten dereito a reformala ou abolila e establecer un novo goberno fundado sobre os devanditos principios e a organizar os seus poderes do xeito que consideren máis favorable para a súa seguridade e felicidade".

Os líderes da Revolución francesa, constituídos en Asemblea, promulgan o 26 de agosto de 1789 a Declaración dos dereitos do home e do cidadán:

"Os representantes do Pobo Francés constituídos en Asemblea Nacional, tendo en conta que a ignorancia, o esquecemento ou o desprezo dos dereitos do home son as únicas causas das calamidades públicas e da corrupción dos gobernos, resolveron expor nunha declaración solemne os dereitos naturais, inalienables e sagrados do home, a fin de que esta declaración, constantemente presente ante todos os membros do corpo social, debe lembralles sen descanso os seus dereitos e deberes, de xeito que os actos do Poder Lexislativo, e do poder executivo se pode comparar a calquera momento co obxectivo de calquera institución política, sexan máis respectados, a fin de que as reclamacións dos cidadáns, baseadas de agora en diante en principios simples e indiscutibles, colaboren sempre no mantemento da Constitución, e da felicidade de todos.Así, a Asemblea Nacional recoñece e declara en presenza e baixo os auspicios do Ser Supremo, os dereitos seguintes, do Home e do Cidadán".

Artigo I.

"Os homes nacen e permanecen libres e iguais en dereitos. As distincións sociais só poden ser fundadas sobre o ben xeral".

(FONTE: Galipedia)

Tarefa

Amnistía Internacional. DUDH

Seguimos na semana do 10D, así que, vas seguir informándote arredor dos Dereitos Humanos, polo que debes ler compresivamente o texto anterior, extraído da Galipedia , e elaborar un resumo, seguindo as indicacións do Caderno TIL. Ese resumo servirá de introdución ao produto final desta secuencia didáctica, polo que nel debes recoller as ideas básicas relacionadas coa orixe e os antecedentes da DUDH, así como coa súa promotora, Eleanor Roosvelt.

Avaliación da tarefa

Listaxe de verificación para avaliar o resumo
 SINON
1. Identifica correctamente as ideas principais.si (1)non (0)
2. Mostra capacidade de expresión propiasi (1)non (0)
3. Elabora un novo texto.si (1)non (0)
4. Constrúe un novo texto coherente.si (1)non (0)
5. Redacta un novo texto cohesionado.si (1)non (0)
6. Expón a información textual sen opinións propias (seninterpretacións nin valoracións persoais ou subxectivas,usando a 3ª persoa).si (1)non (0)
7. Mostra capacidade de síntese.si (1)non (0)
8. Respecta as normas ortográficas.si (1)non (0)
9. Respecta as normas gramaticais.si (1)non (0)
10. Respecta as pautas de presentación de tarefas.si (1)non (0)
  • Actividade
  • Nome
  • Data
  • Puntuación
  • Notas
  • Reiniciar
  • Imprimir
  • Aplicar
  • Nova ventá

Feito con eXeLearning (Nova ventá)