Saltar navegación

SITUACIÓN

Que é a poesía?

Documento 1

Portugués é legal. Qual é a diferença entre POEMA e POESIA? (Dominio público)

Documento 2

Segundo a Galipedia...

A poesía é unha forma de literatura que emprega as calidades estética e rítmica da linguaxe, como a eufonía, o simbolismo fonético e a prosodia, para evocar significados engadidos ou o significado prosaico.

Os poemas máis antigos evolucionaron dende cancións populares, como o Shijing chinés, ou dende a necesidade de recoller a tradición das lendas orais, como os Vedas sánscritos, os Gathas zoroastras ou os poemas homéricos, a Ilíada e a Odisea. Estes últimos semella que foron compostas en forma poética (poesía épica) para axudar na súa memorización e para a transmisión oral en sociedades prehistóricas e antigas.

Platón foi o primeiro filósofo occidental en utilizar o termo "poiesis" ("facer") para referirse á "actividade creativa" e ao que hoxe entendemos por "literatura". Con Poesía referíase polo tanto ao traballo artesanal que facía ou realizaba un artista, o poeta ("facedor" ou creador, autor, fabricante). Pola súa parte, Aristóteles escribiu a Poética, un tratado arredor das normas que rexen a creación artística. E, a partir del, distinguíronse tres tipos de poesía: épica ou narrativa, dramática ou teatral e lírica ou a destinada ao canto acompañado dunha lira ou arpa; hoxe considerados os tres grandes xéneros literarios.

Neste sentido mesmo se podería dicir que a poesía é anterior á literatura, pois esta última é a arte da palabra escrita.

Posteriormente, a definición do que era poesía xirou arredor de aspectos como a repetición, na forma do verso e na rima, salientando a estética que é o que distingue a poesía doutras formas de escrita máis obxectivas, informativas e prosaicas. Dende mediados do século XX, a poesía é considerada de forma máis xeneralizada como a forma creativa fundamental de empregar a linguaxe.

Documento 3

Enheduana
Julen Berrueta. El Español. Enheduana

Enheduanna naceu arrededor do ano 2.300 a.C. e era filla do rei Sargón I de Acad, quen expandiu por Mesopotamia o Imperio Acadio. O emperador convertiría a cidade sumeria de Ur no núcleo de poboación máis importante entre os ríos Tigris e Éufrates. A princesa foi nomeada Alta Sacerdotisa en Ur, onde exercía o poder relixioso e o político pois estaban unificados. O seu status serviulle para ser unha das primeiras mulleres na historia identificada polo seu nome. Ademais de ser considerada a primeira poeta da humanidade. 

A poesía de Enheduanna é de temática relixiosa escrita en cuneiforme sobre táboas de barro. Escribía ao deus Nannar e ao seu templo de Ur e dedicaba himnos á deusa Inanna, protectora da dinastía de Akkad. O escritor Eduardo Galeano dedicoulle unhas palabras na súa obra Os fillos dos días: "Enheduanna viviu no reino onde se inventou a escritura, agora chamado Irak, e ela foi la primeira escritora, a primeira muller que asinou as súas palabras, e foi tamén a primeira muller que ditou leis, e foi astrónoma, sabia en estrelas, e sufriu pena de exilio...". 

Efecto acústico agradable que resulta da combinación harmónica duns sons determinados no falar.

Efecto acústico agradable que resulta da combinación harmónica duns sons determinados no falar.

O simbolismo sonoro é un concepto da Lingüística que se refire á asociación entre os sons e os seus significados. É un tipo de iconicidade lingüística que evidencia que existe un vínculo entre os iconos ou signos (letras ou palabras) e o seu significado. O fonosimbolismo é unha figura retórica que consegue evocar unha idea ou concepto a través da expresividade dos fonemas. As onomatopeas son exemplos de simbolismo sonoro.

A prosodia é unha rama da lingüística que analiza e representa formalmente aqueles elementos da expresión oral, tales como o acento, os tons e a entoación.

Contrario á poesía, común, vulgar.

O Shijing é o Libro dos cánticos ou Libro das odas, tamén coñecido simplemente como As odas ou Os poemas, a colección máis antiga de cancións e poemas chineses.

Vedas significa 'coñecemento' en sánscrito e refírese aos catro textos máis antigos da literatura india, baseada na relixión védica (que foi previa á relixión hinduísta). O máis antigo dos catro, o Rig-veda, foi composto oralmente en sánscrito a mediados do II milenio a. C.

Gathas significa en avéstico "cantos" e son os 17 himnos, agrupados en cinco cantos relixiosos, chamados yasnas atribuídos ao profeta e filósofo iraní Zaratustra (Zoroastro), que se consideran os textos máis sagrados da fe zoroástrica.

Homero foi un aedo (artista que cantaba epopeas acompañándose da cítara) grego do século VIII a. C. a quen tradicionalmente se lle atribúe a autoría dos principais poemas épicos gregos: a Ilíada e a Odisea. Desde o período helenístico dubidouse de que o autor das dúas obras fose a mesma persoa; porén antes a Ilíada e a Odisea eran considerados relatos históricos reais. Ambas son o piar que suxeita a épica grecolatina e, polo tanto, a literatura occidental.

Poesía e música

pandeireteira
Fonte: Fondo da Agrupación Folclórica Aturuxo. Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego (a través da RAG). Pandeireteira. Adolfina Casás Rama fotografada pola musicóloga suíza Dorothé Schubarth na Vila da Igrexa (Cerceda


Como xa todas e todos sabemos, "a Real Academia Galega acordou dedicar o Día das Letras Galegas 2025 á poesía popular oral, personificado en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas tres das Pandeireteiras de Mens (Malpica)", é dicir, cantareiras e pandeireteiras serán as protagonistas deste 17 de maio. E isto, por razóns moi diversas, levantou e segue a levantar proídos. Pero a realidade é que, como afirma a académica e profesora da USC, Ana Boullón, no seu artigo Da tradición á vangarda:

A música foi da man da poesía nas súas primeiras manifestacións (e aí temos a referencia da nosa lírica medieval, no pergamiño Vindel e Martin Codax e mais coa notación musical en todas as Cantigas de Santa María). Pese á prohibición da lingua galega nos textos escritos a partir do século XVI, a poesía oral mantívose viva ó longo do tempo, canda a lingua, fóra das canles oficiais e case por completo da letra impresa. (...) É a oralidade o seu medio de expresión e transmisión, amais do seu carácter colectivo. Desenvólvese no contexto das foliadas, celebracións da fin dos traballos agrícolas, con música e baile, ao xuntarse a xente arredor de cantadoras e pandeireteiras. E foi fundamental no rexurdimento da literatura galega e no seu desenvolvemento posterior: a obra fundacional da nosa figura máis sobranceira, Rosalía de Castro, os Cantares gallegos, bebe directamente da poesía popular.

As mulleres foron figuras centrais na creación, preservación e transmisión da cultura: tense dito que as pandeireteiras son símbolo de resistencia, apoderamento e sororidade. Cantadoras, tocadoras e bailadoras fortalecían os vencellos comunitarios no ocio colectivo, inconscientes, probablemente, da súa forza emocional e política. E as pandeireteiras escollidas para 2025 constitúen unha representación colectiva, como xa se fixo na elección dos trobadores da ría de Vigo en 1998, cos que se rendeu homenaxe á poesía medieval.

Como acabamos de ver nos documentos do apartado anterior (Que é a poesía?), os poemas máis antigos evolucionaron dende cancións populares, como o Shijing chinés, ou dende a necesidade de recoller a tradición das lendas orais, como os Vedas sánscritos, os Gathas zoroastras ou os poemas homéricos, a Ilíada e a Odisea. A poesía grega caracterizábase porque se trataba dunha comunicación non destinada á lectura, senón á representación ante un auditorio realizada por un individuo ou un coro con acompañamento dun instrumento musical. A principios do século XII aparecen as primeiras trobadoras e os primeiros trobadores (a pesar de que se considera a Guilhem de Poitiers como o primeiro trobador, en realidade ocúltase que a pioneira foi a súa muller Beatriz de Diá). A diferenza das e dos poetas, nome reservado a quen compuña versos en latín, trobadoras e trobadores inauguran unha nova arte que combina a poesía escrita en lingua romance (filla do latín) e a composición musical, producindo unhas cancións (cantigas) que menestreis e xograres interpretaban diante dun público cortesán nos salóns señoriais da Idade Media. A palabra tobador procede do verbo occitano "trobar" e este do latín vulgar "tropare" (achar, descubrir, atopar, inventar, falar figuradamente ou compoñer un poema). Dise que recibiron ese nome porque encontraban a música para os versos ou compoñían versos para as músicas, pois os seus poemas non eran para seren lidos senón escoitados, como recolle a Viquipèdia:

Els seus poemes no eren per ser llegits, sinó escoltats. La població, el burg, els serfs, etc., és a dir, el tercer estament, era totalment analfabet, de manera que l'única manera que tenien per entendre la poesia, la literatura culta, era per mitjà del recital dels joglars, uns personatges, normalment malabaristes, acròbates que, mitjançant activitats de circ o mostres amb bèsties ja ensinistrades o qualsevol altre espectacle, duien a terme el recital dels poemes. Normalment, cada trobador tenia el seu propi joglar que difonia les seves creacions.

A literatura galega principiou sendo música: as cantigas medievais. O reino de Galiza foi rico en trobadores e seguramente tamén en trobadoras, que crearon un xénero propio, autóctono, a Cantiga de Amigo, que é unha cantiga de raíz popular. Na súa orixe estaría un canto de muller, unha canción de amor feminina, un tipo de composición común a todos os pobos indoeuropeos. E a literatura galega continúa senso música no título da primeira gran obra do Rexurdimento: Cantares gallegos.

Como diría Luísa Villalta, a poesía é máis plena, cando tamén é música. A poeta homenaxeada nas Letras Galegas 2024 iniciara o seu orixinal ensaio O outro lado da música, a poesía (ad. Galaxia, 1999) cunha cita de Dante, Se consideramos rectamente a poesía non é outra cousa que ficción retórica composta en música, coa que quería amparar a tese de que "a literatura galega estaba mal contada, porque tiña moi boa letra, pero faltáballe a música".

Luísa Villalta
Rede de Bibliotecas de Galicia. Luísa Villalta


No Manifesto Villalta, Polo reencontro no ensino da música e a poesía, publicado o 17/05/2024 en Nós Diario, o músico e escritor Xurxo Souto sost

Coa chegada da imprenta naceu unha poesía para ser lida -sen música- que se converteu en sinónimo da poesía toda. Os versos escritos para ser cantados consideráronse un xénero menor. As súas autoras perderon a condición de poetas para ser denominadas letristas. (...) Pero cales son os letristas máis prolíficos da música galega (isto é, as persoas que escribiron máis letras de cancións)? Velaí: Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro e Manuel María. (...)

A poesía naceu para ser cantada, así principia o texto que Celso Emilio Ferreiro escribiu para o LP "Miña Galicia Verde" dos Tamara (1974). As nosas avoas -ditadura franquista- non puideron recibir clase ningunha de literatura galega. Mais accederon, en clave de emoción, aos versos de Curros, Rosalía, Francisco Añón, grazas ás cancións que creou para este grupo Prudencio Romo, coa voz de Pucho Boedo. Miles de familias obreiras, emigradas en Suíza, Inglaterra ou Alemaña, cantaron o "Monólogo do vello traballador" de Celso Emilio Ferreiro. Ou, o que é mesmo, o resume en verso da teoría marxista da plusvalía.

Precisamos que o profesorado de música e literatura comece traballar dun xeito conxunto. Ritmo e palabra para que o alumnado poda acceder a esta forma plena de emoción e coñecemento. Por iso hoxe -primeiro día do futuro- publicamos este manifesto. 

-----------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

Recitas, cantas ou rapeas?

Partindo da visión da poesía como texto para ser recitado ou interpretado con acompañamento musical, o reto desta situación de aprendizaxe é que o alumnado desenvolva a súa capacidade interpretativa recitando ou interpretando musicalmente un poema da literatura galega contemporánea, para participar nun proceso de selección que leve as persoas gañadoras, o 22 de marzo, a Outeiro de Rei, onde a Fundación Manuel María celebra cada ano o concurso  Rosalía sempre viva. Antes, o alumnado deberá comentar oralmente e por escrito diferentes poemas, coa finalidade de desenvolver unha lectura comprensiva que lle permita crear un texto propio e recitar en público ou mesmo interpretar musicalmente algún dos textos comentados ou creados.

Feito con eXeLearning (Nova ventá)