Saltar navegación

Tarefa Final

Despois de ler e comentar moitos dos poemas da Antoloxía XX-XXI a través das tarefas anteriores, escolle un (ou varios) que che sirvan de modelo e crea un poema seguindo as indicacións que se achegan máis abaixo.

Segundo o dicionario da RAG, a poesía é o xénero literario que se caracteriza, fronte á narrativa, ó ensaio ou ó teatro, polo particular coidado na elección de sons, palabras e imaxes, e sobre todo por un ton especial de elevación que dá relevo ós temas que toca, que poden ser variados, marcando distintos subxéneros, como o lírico, o épico, o didáctico, etc. 

Pero, seguramente interesa máis saber que opinan as e os poetas da poesía. Dicía Octavio Paz que, segundo Rimbaud, a poesía quere cambiar a vida. Non pensa embelecela como pensan os estetas e os literatos, nin facela máis xusta ou boa, como soñan os moralistas. Mediante a palabra consagra a experiencia dos homes e das mulleres, as relacións entre o ser humano e o mundo, entre a muller e o home, entre a persoa e a súa propia conciencia. Non pretende volver fermoso, santificar ou idealizar o que toca, senón volvelo sagrado. Por iso non é moral ou inmoral; xusta ou inxusta; falsa ou verdadeira, fermosa ou fea. É simplemente poesía de soidade ou de comuñón. Porque a poesía que é un testemuño do éxtase, do amor ditoso, tamén o é da desesperación. Para Juan Ramón Jiménez, a poesía, principio e fin de todo, é indefinible. Se se puidese definir, o seu definidor sería o dono do seu segredo, o dono dela. E o segredo da poesía non o soubo, non o sabe, non o saberá nunca ninguén. E Fran Alonso afirma: "A poesía, para min, é profundamente subversiva, flexible como o chicle, e ten propiedades diuréticas; alivia porque é un magnífico tranquilizante sen prospecto. En doses altas, crea adicción ou alerxias. A súa capacidade subversiva ou as súas reaccións alérxicas permítenme deitar unha ollada interpretativa, inqueda e oblicua sobre o meu tempo, do que son fillo inescusable. E tampouco me interesa outra cousa. (Polo de agora)". Finalmente, a nosa recén premiada poeta Chus Pato sostivo no seu discurso de entrada na RAG que "O poema é un dos medios que un idioma usa para sobrevivir. Un idioma vive a través dos poetas, a miúdo un poema leva a escritura do poeta máis alá do que il ou ela puidesen sospeitar, ese é o intre no que o futuro do idioma invade o presente".

Agora tócache a ti experimentar a creación poética, seguindo os pasos que se indican máis abaixo. Non caias na tentación de acudir á IA, pois Parafrasear podería en segundos crearche unha estrofa como a que segue só con pedirlle que se titule "Eu tomando unha café nun bar"...

O bar é un refugio, un mundo de soños,  
onde a vida se serve en xíros e en coños.  
Así sigo, perdido, entre risas e amores,  
eu tomando un café, entre os meus artistas e falores.

PASOS A SEGUIR

  1. Revisa todos os textos vistos nesta secuencia didáctica e recollidos na Antoloxía XX-XXI.
  2. Repasa a Rúbrica para a avaliación de creación poéticas.
  3. Sigue as Indicacións para a creación dun poema.
  4. Activa os teus saberes previos: sírvete da descrición para crear o teu poema.
  5. Respecta as Indicacións do Caderno TIL para a presentación de tarefas.

Feito con eXeLearning (Nova ventá)