As variedades dialectais e o estándar
As primeiras noticias que coñecemos sobre as variedades dialectais do galego remóntanse ao século XVIII. Os estudos sobre as linguas minorizadas foron un tema común nos ilustrados peninsulares, mais fronte á aparición de dicionarios e gramáticas de catalán, valenciano e vasco en que se compendiaban e contemplaban as variedades xeográficas das anteditas linguas, os estudos realizados sobre a lingua galega xiraron exclusivamente arredor do léxico.
O galego no século XVIII nin presentaba diferenzas locais tan profundas como para falaren de dialectos tal como os contempla a moderna dialectoloxía, nin contaba cunha literatura que estivese á procura dun estándar. As últimas investigacións realizadas neste terreo levaron a Francisco Fernández Rei a concluír que «o material recolleito para o ALGa faime compartir a opinión de García de Diego (1902) de que non se pode falar de dialectos propiamente ditos no galego».
Sen entrarmos na complexa definición de dialecto, nun estudo sincrónico poderiamos entender que para falar de «dialecto» deben coincidir nunha mesma área xeográfica unha serie de fenómenos lingüísticos que conformen a súa fala peculiar, de tal maneira que nunha representación gráfica das isoglosas, estas se deseñen como feixes de liñas máis ou menos paralelas. Porén, as isoglosas dos fenómenos que caracterizan as diversas falas galegas debuxan unha tea de araña que cruza Galiza en todas as direccións, conformando variedades dialectais, non dialectos propiamente ditos. Dentro destas variedades distínguense tres grandes bloques: Occidental, Central e Oriental.
Privada dun centro irradiador de normas, dunha literatura e un uso administrativo que fixase o estándar, a lingua galega evolucionou e medrou non como unha árbore á que se lle van podando e guiando as pólas que a deforman e afean, senón como as silveiras das gabias. Este asilvestramento da lingua débese, por tanto, á imposición do castelán como lingua da administración e da cultura e non a unha eiva natural da lingua ou dos seus falantes.
A pesar da multiplicidade de solucións históricas que conviven na nosa lingua actualmente, é tamén un feito constatado polos investigadores do ALGa que os falantes galegos non teñen conciencia de falaren nun dialecto, senón que todos senten que falan unha mesma lingua. Un falante das Rías Baixas acredita en que a súa lingua é a mesma que a dun falante de Lugo, e viceversa; mais ningún dos dous se considera depositario do «galego correcto»: para os do Sur o «bo galego» está no Norte, e para os do Norte no Sur. Esta falta de seguridade, este especie de «mala conciencia» a respecto da lingua, é o resultado deses cinco séculos en que o poder político e económico relegou o galego aos usos domésticos e da vida cotiá, transformándoo nunha lingua de segunda categoría, nunha lingua exc1uída dos rexistros formais, da cultura, da ciencia, da administración ... En resumo, nunha lingua B.
O galego careceu dun estándar porque o estándar dunha lingua, o seu rexistro culto, se vai fixando ao longo do tempo a través da escrita, que escolma, de entre todos os posíbeis resultados da evolución histórica, unhas determinadas solucións; e esta escolla paraliza o libre desenvolvemento das outras, impedindo que a lingua se diversifique en múltiples variedades locais.
Cando no primeiro Rexurdimento os Precursores enfrontaron o problema de escribiren en galego, acharon unha lingua que só contaba co rexistro oral, sen tradición escrita, posto que descoñecían por completo a literatura medieval. O Seminario de Estudios Galegos elaborou as primeiras normas ortográficas (1932), e grazas ás campañas do Partido Galeguista, no Estatuto de Autonomía de 1936 aprobábase a cooficialidade da lingua galega.
O longo proceso que se inicia neste momento cara á creación dun modelo de lingua literaria e, por tanto, dun estándar, foi xa estudado por Ricardo Carballo Calero, quen estableceu as seguintes etapas na construción do galego escrito:
A) Unha primeira fase en que os escritores, que carecían dunha tradición escrita e contaban como único modelo coa fala, reproduciron a lingua oral, a variante local do seu lugar de orixe. É a fase «dialectal».
B) Un segundo momento en que, conscientes das diversas variedades existentes, combinaron solucións de diferentes zonas en busca dun modelo común. Este período é a fase «interdialectal», que comezou xa coa segunda obra de Rosalía de Castro, Follas Novas, en que a xenial poeta ensaia coas diversas solucións morfolóxicas (o sufixo -bre e -ble; os plurais mortales/mortais/mortás; etc.).
C) Este interdialectalismo ultrapasouse a comezos do século XX, no Segundo Rexurdimento, coas Irmandades da Fala, o Grupo Nós e o Seminario de Estudos Galegos que procuraron xa, conscientemente, unha superación das diferenzas para darlle unidade á lingua. É a denominada fase «supradialectal».
A estas alturas da historia estaba practicamente consolidado o estándar fonético do galego culto. A tradición literaria iniciada no primeiro Rexurdimento marcara unhas pautas que case non sufriron modificacións desde entón ata hoxe. Este sistema fonolóxico é o do Bloque Oriental, ficando definitivamente excluídos del os dous fenómenos caracterizadores por excelencia do grupo de falas occidentais: a gheada e o seseo. O rexeitamento da gheada é unha cuestión que se remonta aos Precursores. O Padre Sobreira atribuía este fenómeno a un intento por parte dos falantes galegos de imitaren a fonética castelá. En 1882, nos seus Elementos de Gramática Gallega, Marcial Valladares cualificaba a gheada como un fenómeno propio de xente iletrada, refugando de vez o seu uso. Durante moito tempo foi considerada como froito da interferencia do español e, a pesar de que as últimas investigacións demostran que é un fenómeno de evolución fonética xenuinamente galego, paralelo ao denominado gorgia que se produce na rexión italiana da Toscana, non parece probábel que chegue a ser admitida nunca no estándar.
O fenómeno máis complexo e importante de toda a dialectoloxía galega é o seseo. A sorte que correu este trazo fonético caracterizador das falas occidentais, tivo un resultado final semellante ao da gheada, mais cunha historia moi diferente: os escritores nunca o rexeitaron coa teimosía que mantiveron perante a gheada, de feito, tivo certa presenza na literatura e o seseo implosivo podemos atopalo mesmo en obras de autores dos anos 70. En definitiva, foron eliminados ambos os dous do galego culto.
A identificación do emprego da gheada coa incultura e a rudeza foi determinante para a súa exclusión, mais esa identificación está baseada en preconceptos sociais e na valoración dun fenómeno fonético galego desde a perspectiva da fonética española. A ninguén se lle ocorrería cualificar de «rústica» a aspiración que representa o h inglés en palabras como house; porén, a mesma aspirada en galego e, sobre todo, a súa aplicación ao español falado en Galiza como consecuencia da diglosia, pasou a ser algo vergoñoso, un «vicio» que cumpría eliminar. Todo isto levou a Antón Santamarina a cualificar de «antigalego» o estándar fonético.
A sublevación de 1936 e a posterior longa noite da ditadura franquista interrompeu o proceso de normalización, paralizou a publicación de libros e a campaña de desprestixio social da 1ingua alcanzou cotas inimaxinábeis que, unidas á difusión dos medios de comunicación de masas (radio e televisión), provocaron un aceleramento vertixinoso da desgaleguización. A pesar diso, a partir da década dos 50, o labor unificador da editorial Galaxia foi consolidando un estándar literario máis ou menos aceptado por todos os escritores.
Á morte do ditador, na chamada Transición, e perante a perspectiva da Autonomía e da posíbel incorporación da lingua galega ao sistema de ensino e da súa cooficialidade, transfórmase en urxente a necesidade de estableceren unhas normas ortográficas e morfolóxicas. Nas xuntanzas promovidas con este fin perfílanse dúas tendencias:
A) a de aqueles que, baseándose na orixe e na tradición medieval, propugnaban un achegamento á lingua portuguesa (reintegracionismo) por razóns de parentesco lingüístico e de indefensión do galego perante o español;
B) a dos que, baseándose na tradición oral moderna, propugnaban o isolacionismo da lingua galega fronte ao español e ao portugués.
Ambas as dúas contaban con razóns filolóxicas con que xustificaren os seus postulados. A tendencia A tiña o seu maior inimigo na conciencia popular que, debido ao secular enfrontamento que mantiveron Castela e Portugal, non é quen de se identificar co país irmán. A opción B agachaba nos seus postulados unha realidade perigosa: a febleza da lingua galega non permitía ese suposto illamento e, na realidade, rematou por se transformar nun achegamento ao español. No ano 1980, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) propuxo unha terceira opción e que procuraba o equilibrio entre A e B, coñecida como a «normativa de mínimos», máis a súa proposta foi desoída e, en 1982, foi imposta por lei a opción B.
Quizais fose conveniente para todos atendermos as reflexións que sobre o estándar actual realizou unha voz foránea. O profesor Johannes Kabatek, en 1991, comentaba o seguinte:
«Hoxe en día vivimos unha nova etapa na historia da lingua galega. [ ... ] Escribíronse métodos para o ensino, dicionarios, vocabularios técnicos; mandáronse asesores lingüísticos ó Parlamento, á Radio e á Televisión para que, en todas partes, se falase «bo galego». «Aínda así, para moitos galegos este galego modélico «soa raro», non lles parece ser a súa lingua, «parécese moito ó castelán>>>>.
Adaptado de AS VARIEDADES DIALECTAIS E O ESTÁNDAR
Laura Tato Fontaíña
Profesora de Lingua Galega
Universidade da Coruña
AS VARIEDADES DIALECTAIS E O ESTÁNDAR
Laura Tato Fontaíña