TP4. (Reforzo) Análise morfosintáctica dun texto.
Que futuro para o galego?
Os resultados da enquisa de Sondaxe para La Voz de Galicia, publicados este fin de semana, veñen a confirmar un panorama da situación e da evolución do galego que se constata a cada paso. Semella que a tendencia cara á desgaleguización das décadas pasadas nos aboca a unha minorización cuantitativa do idioma propio de país. A novidade consistiría en que por primeira vez se rexistra unha porcentaxe lixeiramente superior de castelanfalantes habituais (40,9 %) sobre galegofalantes (38,4 %). Canto a isto, cómpre ter en conta que a porcentaxe dos que falan as dúas linguas por igual (17,8 %) é de abondo elevada como para que non se poida aínda afirmar que o castelán é a lingua habitual maioritaria da poboación galega.
Un exercicio ben interesante para avaliar con perspectiva estes resultados sería comparalos cos de enquisas previas, por mor de comprobar a dirección e o ritmo de aceleración da tendencia. Os resultados da enquisa do Instituto Galego de Estatística do 2018, comparados cos do 2013, rexistran un freo na caída do galego, e incluso unha lixeira recuperación nos grupos de idade máis novos (de 5 a 29 anos). Coas anteriores observacións non pretendo restar credibilidade ao solvente traballo de Sondaxe, nin aminorar a significación ominosa dos datos.
Pretendo, si, acautelar contra o catastrofismo. O idioma propio de Galicia —propio porque aquí naceu— continúa a ser a lingua minorizada de Europa cunha porcentaxe maior de falantes sobre o conxunto da poboación. Pero para non perdermos esta honrosa situación cómpre que reflexionemos todos e cada un dos cidadáns e cidadás, e moi especialmente os responsables políticos e institucionais (incluíndo os centros de ensino, as universidades, as empresas, os medios de comunicación, as familias, etcétera.) se estamos facendo todo o posible e o necesario —o imprescindible— para que as persoas galegofalantes, desde a súa infancia ata a súa vida adulta, nos lugares de estudo e de traballo e nos ámbitos de lecer, nas diferentes facetas da súa vida diaria, poidan desenvolverse en liberdade e en igualdade.
Que non se fixo? Que se fixo mal? Que se puido facer mellor? E sobre todo: Que resta por facer? Velaí a cuestión.
MONTEAGUDO, Henrique (La voz de Galicia, 07-03-22)
ACTIVIDADES:
- Analiza morfoloxicamente a palabra desgaleguización, segmentándoa en morfemas, indicando o valor de cada un dos morfemas e clasificando a palabra a partir desa análise morfolóxica.
- Explica o erro de concordancia que se produce no seguinte enunciado: "cómpre ter en conta que a porcentaxe dos que falan as dúas linguas por igual é de abondo elevado como para que non se poida aínda afirmar que o castelán é a lingua habitual".
- Explica que clase de palabra é respondermos e sinala outras formas da súa flexión.
- Fronte a cidadáns-cidadás, busca outros termos nos que masculino e feminino manteñan a forma culta do sufixo -ANUM.
- Explica a colocación do pronome átono neste enunciado: "Semella que a tendencia cara á desgaleguización das décadas pasadas nos aboca a unha minorización", indicando se podería ir noutra posición.
- Indica que nome reciben as interrogacións do último parágrafo e explica o seu valor.
- Explica os valores de "se" que aparecen neste fragmento do texto: "Pero para non perdermos esta honrosa situación cómpre que reflexionemos todos e cada un dos cidadáns e cidadás, e moi especialmente os responsables políticos e institucionais (incluíndo os centros de ensino, as universidades, as empresas, os medios de comunicación, as familias, etcétera.) se estamos facendo todo o posible e o necesario —o imprescindible— para que as persoas galegofalantes, desde a súa infancia ata a súa vida adulta, nos lugares de estudo e de traballo e nos ámbitos de lecer, nas diferentes facetas da súa vida diaria, poidan desenvolverse en liberdade e en igualdade."
- Busca unha perífrase no texto e indica o seu valor.
- Identifica o tipo de cláusula ou oración que introducen cada un dos "que" sinalados en letra grosa no texto.
- Explica o valor que teñen no texto os verbos "semella" e "cómpre".
RECURSOS:
Conectores e conxuncións
Construcións comparativas
Construcións interrogativas
Colocación do pronome átono
Uso de hai / fai / vai
Uso de porque / por que / porqué
Uso da preposición A con CD
Usos de QUE
Valores de SE
Pronome de solidariedade e de interese
Verbos con alternancia vocálica
Perífrases

Actividades para realizar fóra da aula e para corrixir voluntariamente coa docente.
Cada actividade ben realizada suporá +1