Analiza foneticamente e fonoloxicamente o seguinte texto, realizando as actividades que se propoñen e servíndote dos documentos que se achegan.
Hai pouco preguntáronme se pensaba que o suicidio era un tema axeitado para tratar con rapaces e rapazas de ensino secundario. Ben, os rapaces de secundaria suicídanse, respondín. Ante o escándalo e a incredulidade do meu interlocutor, os datos son concluíntes. O suicidio é a primeira causa de morte violenta na Galiza, por diante dos accidentes de tráfico. Entre as persoas de 15 a 24 anos, é a terceira causa de morte máis frecuente. Do mesmo xeito que hai campañas de prevención de accidentes de tráfico ou de promoción de hábitos saudables non debera haber campañas de prevención do suicidio? Como sempre que se fala de saúde mental, aparece o estigma condicionando a nosa actitude e as políticas públicas. Hai varias ideas falsas sobre o tema que se dan cita para dificultar enormemente as tarefas de prevención:
1. A falsa crenza de que falar ou informar sobre o suicidio xera máis suicidios. O que pode aumentar o suicidio é informar sobre el de xeito sensacionalista, romantizalo ou presentalo como algo extraordinario, repentino e inevitable, ou peor aínda, como unha decisión racional ante unha situación vital. Existe, efectivamente, o suicidio racional, pero non é nin frecuente nin significativo a nivel poboacional. Na inmensa maioría dos casos, un suicidio é o resultado fatal dunha doenza mental ou dunha serie de factores e circunstancias de vida que deben ser abordados dende o psicosocial.
2. A idea de que quen desexa suicidarse faino sen avisar e quen fala disto quere "chamar a atención". A realidade é que unha grande proporción das persoas que consuman un suicidio buscaron axuda antes, ben no sistema médico, ben na súa contorna. Esta axuda, por diversos motivos, non resultou eficaz.
3. Crer que preguntarlle a alguén se pensou en suicidarse induce ao suicidio. Esta idea é particularmente absurda e ao mesmo tempo moi estendida: induce ao roubo preguntarlle a alguén se roubou? Unha persoa que non ten ideas suicidas non vai comezar a telas por preguntarlle, pero se si as ten, pode ser a primeira oportunidade para expresalas libremente.
4. O feito de asociar o suicidio a categorías morais: falar de "valor", "covardía", "bo" ou "malo" non é axeitado para tratar este tema e só contribúe a estigmatizar e humillar ás persoas que poden ter ideas suicidas e dificultar aínda máis que o comuniquen.
O 10 de setembro celébrase o Día Mundial para a Prevención do Sucidio.
VEIGA, Iria. Nós Diario (10-09-2020)
Actividade 1. Indica se é aberta ou fechada a vogal tónica das palabras escritas en vermello.
Pequena guía de vogais semiabertas e semifechadas: (Dicionario de pronuncia (ILG e USC)
| SEMIABERTAS | SEMIFECHADAS |
|
1. Os nomes das letras que comezan por e ou por o (ese, o...) 2. As palabras con acento diacrítico: présa, bóla... (agás: pór) 3. As vogais equivalentes aos ditongos ie, ue en castelán: pé, ovo... (agás: fonte, ponte, conto) 4. As tónicas rematadas en – el/ei, -ol: papel, español (agás: el, aquel) 5. Os verbos con alternancia vocálica no radical, a vogal é aberta na 2ª, 3ª e 6ª persoas do presente de indicativo: segues, dorme, foxen... bebes, bebe, beben, comes, come, comen 6. A formas verbais do tema de pasado dos verbos irregulares: coubera (agás: ser, ir) 7. As palabras rematadas en vogal tónica: avó, bebé 8. O /e/ trabado por consoante oclusiva: recto 9. O /e/ dos sufixos – ela, -enza, -estre: pertenza 10. As palabras rematadas en –encio/encia: silencio 11. En xeral, o /e/ tónico de palabra esdrúxula: médico 12. Abertas: ninguén, ben (pechada: lambón, monte) |
1. Os nomes da letras que non empezan por vogal 2. A vogal temática dos verbos da 2ª conxugación é pechada : lamber, lambedes 3. O tema de pasado dos verbos regulares: collemos 4. A vogal dos verbos seguida de i/u, ch/ll/ñ/x: deita, rouba, loita... En xeral o /e/ seguido de palatal: tella 5. Os infinitivos rematados en –er e o /e/ dos verbos rematados en –ear: cean, correr 6. As palabras en que o forma ditongo decrecente con u: touro 7. As terminacións: és-esa; edo; eza; ello-ella; ón, or, oso, eo |
Actividade 2. Indica o hiato ou o ditongo (crecente ou decrecente) das palabras escritas en azul.
Ditongos, tritongos e hiatos
Un ditongo é a unión de dúas vogais no interior dunha mesma sílaba. É imprescindible que unha delas sexa unha vogal fechada (i ou u ), funcionando como marxe silábica. Cando a estrutura do ditongo é marxe silábica + núcleo silábico ( ia , ua , ie , ue ...) o ditongo denomínase crecente ; cando a posición é a inversa ai , au e i , e u ...), o ditongo denomínase decrecente . Así, encontramos ditongos decrecentes en palabras como sei , roubou ou mais e crecentes en consecuencia , canción ou conveniente. No galego hai unha proporción considerablemente máis grande de ditongos decrecentes que crecentes.
Denomínase tritongo a unión de tres vogais no interior dunha mesma sílaba. A estrutura do tritongo é marxe silábica + núcleo silábico + marxe silábica, sendo por tanto necesario que a primeira e a terceira vogais sexan fechadas ( i ou u ). En galego, os tritongos son moi escasos porque as secuencias do tipo iei , iou , uei... presentan normalmente un hiato entre a primeira e a segunda vogal. Así, a división silábica de palabras como afiar , cueiro ou fieito é a-fi-ar , cu-ei-ro ou fi-ei-to , de maneira que non albergan ningún tritongo no seu interior. Podemos encontrar tritongos nos plurais dos nomes rematados en ditongo crecente + l raciais , inusuais ...), en formas conxugadas de verbos que teñen ditongo crecente na sílaba tónica ( mingüei , cambiou ), nalgún
topónimo ( Bueu , Uruguai ) e en poucos casos máis.
Chamamos hiato á presenza de dúas vogais contiguas que pertencen a sílabas diferentes. Prodúcese un hiato sempre que as dúas vogais son medias ou aberta ( ceo , dean , soar ); tamén, cando a vogal fechada ( i ou u ) do encontro vocálico é tónica día , lúa , aínda ). Se a vogal fechada é átona, constitúen tamén con frecuencia un hiato as secuencias i + vogal e u + vogal; así, a pronuncia correcta de afiar, , luar ou liorta é a-fi-ar, lu-ar e li-or-ta.
Actividade 3. Indica a estrutura silábica da palabra "condicionando".
A sílaba é o fonema ou conxunto de fonemas que se pronuncian nun único impulso expiratorio. Constitúese dun núcleo e dunha ou varias marxes silábicas. Denomínase marxe silábica explosiva (ou inicio) á parte da sílaba que precede o núcleo e implosiva (ou coda) aquela que se pronuncia despois do núcleo. O núcleo silábico é necesariamente unha vogal; as marxes silábicas son consoantes ou as vogais i e u no caso dos ditongos.
Segundo a súa estrutura, as sílabas que carecen de marxe silábica implosiva denomínanse libres ou abertas (rematan por vogal) e aquelas que levan marxe implosiva, trabadas ou fechadas (rematan por consoante ou por i ou u no caso de levaren ditongo decrecente). A meirande parte das sílabas da lingua galega son libres. De feito, só hai cinco consoantes que poidan aparecer en posición implosiva nas palabras patrimoniais ( l , n , r , s e z).
Segundo a tonicidade, podemos dividir as sílabas en tónicas (aquelas nas que recae a maior forza expiratoria da palabra) e átonas ; e estas , á súa vez, en pretónicas , as que preceden á sílaba tónica (iniciais e internas) e postónicas , as que se pronuncian despois da tónica (internas e finais).

Actividade 4. Define os fonemas vocálicos e consonánticos das palabras escritas en verde.
Exemplo de definición fonolóxica:
/u/: fonema vocálico, fechado, velar ou posterior.
/b/: fonema consonántico, oclusivo, bilabial, sonoro.


Actividade 5. Busca exemplos para os fenómenos de alteración do vocalismo e do consonantismo.


Podes utilizar a seguinte presentación para resolver a actividade.
Aspectos de Fonoloxía.ppt de MarlouPALABRAS CLAVE: fonema, son, alófono, grafema, dígrafos, sílaba, ditongo, hiato, prótese, epéntese, parágoxe, apócope, síncope, aférese, asimilación, disimilación, labialización, metátase, rotacismo, aspiración, palatalización, despalatalización, gheada, seseo.