TP3. Analiza o seguinte texto desde a perspectiva da variedade estándar, identificando os desvíos normativos e evidenciando coñecementos sobre o proceso de construción do estándar galego.
Primeiro que no, ahora que si
Dirpois que o vas a volver a pensar
Ti verás, bueno ló, non che vou a esperar; que seas felis
E se algho qués estou aquí
Non se pode borrar todo dun plumaso
Sólo a morte sin abraso
Prenderlle lume a este corasón de carballo
E ló mandar todo ó carallo porque si
Estou por estar, de pensalo é pá rir
Despois se vou, se vou non vas, para non mirarme
Escaldoume nas mans este amor tan fughas
Deixeino ir
Si quer volver, estou aquí
Non se pode borrar todo dun plumaso
Sólo a morte sin abraso
Prenderlle lume a este corasón de carballo
E ló mandar todo ó carallo porque si
Deixa madre, déixame
Deixa madre, déixame
Non se pode borrar todo dun plumazso
Sólo a morte sin abraso
Prenderlle lume a este corasón de carballo
E ló mandar todo ó carallo
Non se pode borrar todo dun plumazo
Sólo a morte sin abraso
Prenderlle lume a este corasón de carballo
E ló mandar todo ó carallo porque si
Indicacións
- Escoita a canción interpretada por Herdeiros da crus.
- Sinala os desvíos normativos presentes no texto.
- Clasifica eses desvíos normativos, axudándote da presentación Construción do estándar e desvíos da norma.
- Comenta as características dialectais máis importantes presentes no texto, coa axuda da presentación recollida no DOCUMENTO 1. Unidade e variedade das linguas da TP2.
- Intervén evidenciando a consulta previa dos documentos que se achegan a continuación, escoita activa e un uso correcto da lingua.
Castrapo?
A raíz do noso contacto cotián co alumnado, todos nós detectaramos casos nos que, á hora de se identificaren como galegofalantes, os alumnos e alumnas rexeitaban a denominación de galego para substituíla pola de «castrapo». Ademais, baixo esta distinción semellaba estar actuando o estándar como variedade de referencia. De aí que decidísemos pór en marcha un grupo de traballo co fin de investigarmos as relacións entre as variedades lingüísticas que o alumnado traía ás aulas e aquelas que lles transmitiamos desde o ensino e outros contextos máis ou menos formais, como os medios de comunicación.
Os informantes establecen dous medidores da calidade lingüística —o grao de aproximación ao estándar e o índice de mestura—, o que provoca que, no caso do español, as variedades menos valoradas sexan a de Andalucía e a de América, por sentilas moi diferentes do considerado normativo, así como o español das zonas bilingües, debido precisamente á influencia resultante do contacto con outras linguas (as interferencias). No marco galego, todo o alumnado recoñece a existencia dun castelán específico de Galicia, valorado positivamente, sobre todo polos castelanfalantes, en contraposición precisamente con outras variedades como o andaluz. No referente á lingua galega, tamén hai consciencia xeral da existencia dunha variación dialectal que ademais se sente bastante distanciada do estándar.
Á hora de distinguir a variación diatópica do galego, destaca a referencia en todos os grupos á gheada como principal trazo dialectal. Á parte deste, o alumnado galegofalante caracteriza a súa forma de falar pola presenza nela dun elemento supradialectal: os castelanismos. Este galego dialectal con castelanismos léxicos é coñecido como «castrapo» por todo o alumnado.
Os alumnos e alumnas xustifican o uso dos castelanismos tanto na carencia de léxico en galego (que si saben en castelán) como na estrañeza que lles producen algúns termos do estándar no seu contexto familiar, onde os castelanismos xa están moi instalados, de xeito que lles suporía un esforzo empregar as escollas lexicais normativas. Este mesmo alumnado presenta o seu xeito de falar coma se se tratase dunha variante diafásica, adecuada para utilizar en situacións informais, fronte ao emprego do galego estándar, reservado ás formais e, polo tanto, moi pouco usado fóra do ámbito académico.
O alumnado galegofalante recoñécese neste castrapo, que se converte nunha forma de identificación grupal. En contraste, o castelanfalante rexeita o termo aplicado ao seu castelán, aínda que recoñece que fala unha variedade de castelán específica, o castelán de Galicia, que valora ademais de forma positiva. Segundo os e as falantes, o galego dialectal, ou todo aquel que non é estándar, imprímelles connotacións negativas como a da brutalidade e a de «ser do monte».
Por conseguinte, consideramos que cómpre atender estas cuestións de forma urxente parar podermos avanzar na normalización da lingua galega. Dado que a única situación en que o alumnado interactúa en galego estándar é na clase de galego, se non se lle ofrece a posibilidade de empregar esta lingua en contextos formais, pode acabar por usar o galego e o castelán como dúas variantes diafásicas: o galego («castrapo») no ámbito familiar e o castelán nas situacións formais. Como consecuencia, urxe facilitar contextos de uso nos que empregar a variedade estándar e mudar a práctica docente valorando positivamente as outras variedades dialectais que xa posúe o alumnado galegofalante para que se sinta «autorizado» e seguro da lingua que emprega, incidindo nos aspectos positivos da súa lingua e non só nas súas deficiencias.
Percepción do alumnado galego ante as variedades
dialectais propias e alleas.
VALENTINA FORMOSO GOSENDE
IES Félix Muriel
ANA IGLESIAS ÁLVAREZ
Universidade de Vigo
ANA RIAL APARICIO
IES Aquis Celenis