Saltar navegación

Tarefa Posibilitadora 1

TP1. Analiza dialectalmente o seguinte texto, seguindo as indicacións e o modelo dados.

INDICACIÓNS

  1. Escoita o texto (Os movementos asociativos no campo) no Mapa sonoro de Galicia (Fondos documentais do Consello da Cultura Galega)
  2. Subliña as características dialectais presentes no texto, axudándote dos cadros recollidos no DOCUMENTO 3. Bloques dialectais
  3. Comenta as características dialectais máis importantes presentes no texto, coa axuda da presentación recollida no DOCUMENTO 1. Unidade e variedade das linguas
  4. Localízao no seu bloque e área lingüística correspondente a partir desas características. Distingue ben cales son as características do bloque e cales son as características da área lingüística. Guíate polo modelo que se achega a continuación. Tamén te pode axudar o modelo recollido no DOCUMENTO 2. Procedemento para localizar dialectalmente un texto (ou etnotexto)
  5. Escribe o comentario resultante da túa análise respectando as propiedades textuais, con corrección lingüística e precisión léxica.

MODELO

TEXTO. O traballo na Costa da Morte

I: Ás uito marchar pó mar, pä nêcora ¿èh?, pä nêcora. Entónsese traballar toda a nuite, a lanses, cada lanse unhä hòra, cada lanse unhä hòra. Entonses sácase o
märisco è lárghase, se non se còllen äquí poise sepárase se cadra dousèntogh
metros ou, ou unha milla ou dúas millas, eso depènde. È trabállase toda a nuite,
asta pola mañán; äí áse, ás sinco da mañán cárghase o äpärello è vênse con el,
pä còsta ou pä tèrrä, descarghare; desíscanse agh nasas è pó muèlle. Entónse-lo märisco, hai que capalo; ä nêcora capala è enviveirala.
E: ¿En que consiste capala?
I: Capala, quèrse disir, sacarlle o, o anclo ¿non sabes? O anclo co älicate, pois,
côrtase, que se non devòran unhas as outras, mátanse. Entonses bótase nun,
nun viveiro, enviveirada, è ighual ta aí uito días como quinse días, depènde das
vendäs; è entonses de día durmire, un par de hòras, è despoise prepara-la
carnada outra ves, se ta no conghelador, saca-la carnada do congheladore, a desconghelare, a läñala, pa äí ás sète è mèdiä marchar pó mar outra ves, toda a
nuite, traballare. Cadä, cada lanse unhä hòra; á vòlta dunha hòra levantare, è
veña, saca-lo märisco, preparalo pòn redeño, amarrado no costado porque se non
mòrre, colghado na ghamèlä, è äsí ta asta que se veña pá tèrra. Se se bota a
bòrdo pois, mòrre, ¿non sabes? Entonses hai que telo äí, colghado toda a nuite.
Ese ê o òfisio da nêcora.

No texto obsérvanse numerosos fenómenos de natureza dialectal, como é normal en todos os textos orais espontáneos. A nivel fonolóxico, os que máis destacan son a gheada, que é de tipo aspirado (lárghase, liña 3; cárghase, liña 6; ighual, liña 14) e o seseo, que é total, xa que se realiza en calquera posición, tanto en posición final (ves, liña 16) como en posición non final (lanse, liña 2; sinco, liña 6). En canto ao vocalismo, destaca a presenza de ditongos ui para formas procedentes do grupo latino OCT (nuite, liña 2; uito, liña 14) e a palatalización do a (pronuncia intermedia entre a e e: unhä, liña 2; märisco, liña 3; äquí, liña 4). Tamén se observa a perda do u nas palabras procedentes do grupo latino QUA (cadra, liña 4). Por último cómpre resaltar a aspiración do s en posición final de sílaba (dousentogh, liña 4; agh, liña 8).

A nivel morfolóxico, a principal característica é a presenza da terminación -án procedente do latín -ANAM para substantivos femininos (mañán, liña 6) en lugar da normativa en -á. Obsérvase tamén a existencia do sistema dos demostrativos con e en lugar de i nas formas do neutro (eso, liña 5).

O texto pertence ao bloque occidental. A pesar de que non se pode comprobar que se dea o trazo lingüístico que caracteriza este bloque (a formación regular dos plurais das palabras rematadas por vogal seguida de n, do tipo cancións ou cans) porque non aparece en todo o texto ningún deses plurais, si se encontra unha característica exclusiva deste bloque: a presenza da terminación -án procedente do latín -ANAM para substantivos femininos (mañán, liña 6). Outras características propias do bloque occidental que se observan no texto son a a gheada, que é de tipo aspirado (lárghase, liña 3; cárghase, liña 6; ighual, liña 14); o seseo, que é total, xa que se realiza en calquera posición, tanto en posición final (ves, liña 16) como en posición non final (lanse, liña 2; sinco, liña 6); e a redución do grupo latino QUA (cadra, liña 4).

Dentro do bloque occidental, podemos incluílo na área fisterrá, subárea do Xallas a partir das seguintes características, exclusivas ou case exclusivas desta zona, como a presenza de ditongos ui para formas procedentes do grupo latino OCT (nuite, liña 2; uito, liña 14), a palatalización do a (pronuncia intermedia entre a e e: unhä, liña 2; märisco, liña 3; äquí, liña 4) e a a aspiración do s en posición final de sílaba (dousentogh, liña 4; agh, liña 8).

DOCUMENTO 1. Unidade e variedade das linguas

UNIDADE E VARIEDADES DAS LINGUAS. DIALECT.v.So.ppt de Marlou

DOCUMENTO 2. Procedemento para localizar dialectalmente un texto (ou etnotexto)


Tarefa de Dialectoloxía.ppt de Marlou

 DOCUMENTO 3. Bloques dialectais

 Segundo a distribución xeográfica dos fenómenos fonolóxicos e morfolóxicos vistos anteriormente, os lingüistas do ILG, no seu Atlas Lingüístico Galego, estableceron unha división do territorio lingüístico galego en tres bloques, en cuxo interior se encontran diversas áreas e subáreas lingüísticas [mapa 12]. A división nos bloques estableceuse segundo a realización dos plurais das palabras rematadas en vogal seguida de n. Considérase bloque occidental o territorio no que este se forma de maneira regular (cancións), bloque central aquel no que se perde o n (canciós) e bloque oriental aquel no que se forma cun ditongo (canciois).

PALABRAS CLAVE: fala, dialecto, variedade diatópica, isoglosa, bloque dialectal, etnotexto.

Bloque Occidental

 Está delimitado pola isoglosa cans / cas, que o separa do bloque central. A súa característica principal é a formación de plural regular das palabras rematadas en vogal seguida de n (cancións, cans, reféns...). Outra característica importante é a terminación -án tanto para substantivos masculinos como para os femininos (o irmán, a irmán, a mañán, a mazán). En todo o bloque existe gheada e en case todo el hai seseo, que é total nas zonas costeiras e implosivo nas zonas do interior. Con excepción dunha pequena área do sur (a subárea do Miño), emprégase o pronome de suxeito ti.

Bloque Central

A súa principal característica é a formación de plural das palabras rematadas en vogal seguida de n coa perda desta consoante (canciós, cas, refés). En todo o bloque distínguese a terminación masculina -ao fronte á de feminino -á (o irmao, a irmá, o chao, o tabao) e empréganse sempre ditongos -oi- para as formas procedentes dos grupos latinos ULT, OCT, UCT e ORIU (moito, noite, troita, coiro). Na maior parte das falas centrais hai gheada, pero só unha pequena franxa presenta seseo implosivo.

Bloque Oriental

Está constituído pola parte máis oriental de Lugo e de Ourense e mais os territorios do denominado galego exterior (o falado en parte das provincias de Asturias, León e Zamora). Vén definido pola formación de plurais con ditongo das palabras rematadas por vogal seguida de n (canciois, cais, refeis). Ademais, presenta características bastante singulares, como a redución do grupo -aix- a -ax- (baxo, caxa), o mantemento dos grupos latinos QUA e GUA (cuando, guarda), a presenza do pronome tu, o emprego do diminutivo -ín (momentín) e a existencia das formas con u procedentes dos grupos latinos ULT e UCT (muito, muto ou mutio; truita, truta ou trutia).





Para practicar entreténdose...

Feito con eXeLearning (Nova ventá)